Historia

Banda de Música de Moaña no ano 1932

No ano 1880 Fernando Costa funda a “Banda de Música de Moaña”. A comezos do s. XX, faise cargo da dirección o mestre Manuel Zúñiga, sobriño do primeiro. Anos máis tarde Fernando Costa tomará o relevo dunha agrupación que sufrirá unha etapa de declive debido a que os músicos, demasiado maiores, evitaban as saídas, e ata mesmamente os ensaios. A partir deste momento dous homes encárganse de reorganizar a banda: Ismael Costa Caamaño (director titular) e Manolo Portela Estévez (subdirector).


Coa Guerra Civil (1936), Ismael é detido e encarcelado, quedando ó cargo da banda Manolo Portela. No ano 1942 faise cargo da dirección Ricardo Costa, pero 1972 volve a ser Portela quen se fai cargo da delicada situación na que se ve a banda, sen director e con poucos músicos.

No ano 1979 faise cargo Manuel Iglesias Martínez. Con el iníciase unha nova etapa de formación e consolidación da actual banda de música “Airiños do Morrazo” que será continuada polos seus discípulos Alberto Currás Piñeiro (1999-2009), Salvador Meira Corrales (2009-2016) e David Pérez Trigo (2016-Actualidade).


Manuel Iglesias Martinez, á batuta da Banda no ano 1998.

Concerto Reencontros levado a cabo no ano 2022, coa participación de moitos dos ex-músicos da agrupación.

Con 143 anos de historia, un plantel de máis de 35 músicos, unha media de idade por debaixo dos 20 anos e moitas ganas de mellorar, “Airiños do Morrazo” seguirá traballando pola cultura do noso pobo, traballando en concertos temáticos, certames autonómicos e nacionais, así como nas xa habituais actuacións nas Festas Populares.